CORMORÁN MOÑUDO / CORMARIÑO / GALO DE MAR / GALHETA / EUROPEAN SHAG
Phalacrocorax aristotelis
75 cm de lonxitude × 100 cm de envergadura. É un ave mariña de longo pescozo de cor negra con irisacións enverdezadas. A cabeza e o bico son finos e durante a primeira metade do ano os adultos locen un curto penacho. Os xuvenís (ata os dous ou tres anos de idade) son de cor parda, máis claros por embaixo.
De hábitos estritamente mariños, distribúese polas costas do Atlántico europeo y polas do Mediterráneo. Mantén colonias reprodutivas espalladas ao longo da costa galega, máis a meirande parte da súa poboación concéntrase no Parque Nacional.
A poboación reprodutora no Parque Nacional estimase en pouco máis de 1100 parellas das que 700 crían en Ons e Onza, 300 en Cíes e 100 nas dúas illas Sagres. O illote Falcoeiro (Ribeira) é a única localidade de cría nas Rías Baixas fóra do Parque.
Os corvos mariños do Parque son sedentarios, máis semella que os xuvenís adoitan dispersarse moito. Propios do litoral rochoso e sempre preto da costa, en augas pouco profundas (< 40 m). Entre xaneiro e xullo concéntranse ao redor das illas con colonias, mentres que no outono e no inverno espállanse algo máis.
Ao redor da metade dos corvos mariños da costa atlántica ibérica aniñan no Parque Nacional. Trátase da única especie de ave mariña que conta cun Plan de Conservación específico para o Parque e máis tamén foi incluída no Plan de Conservación das Aves Mariñas de Galicia. Os diagnósticos efectuados neses plans indican unha forte redución da poboación reprodutora nos últimos anos o que a cualifica “en perigo de extinción”.
A mortalidade en artes de pesca de enmalle, a depredación de carnívoros introducidos nas illas (gato e visón americano) e mais os efectos directos e indirectos da contaminación causada polo naufraxio do petroleiro Prestige son as principais causas detrás do seu declinar.
Porén, os últimos datos indican unha diminución da pode estar a diminuír, se cadra como resultado da aplicación das recomendacións do Plan de conservación, especialmente as relativas á erradicación de gatos e visóns das illas.