PAIÑO EUROPEO (Hydrobates pelagicus)

Paino europeo 1 Paino europeo 2

PAÍÑO EUROPEO / ALMA-DE-MESTRE / EUROPEAN STORM-PETREL
Hydrobates pelagicus

15 cm de lonxitude × 40 cm de envergadura. É, con diferencia, a máis pequena das aves mariñas do Parque. De cor castaño escuro, presenta como risco característico, unha mancha branca cadrada na base do rabo. Voo ao chou pola tona da auga.

Esta especie distribúese polo Atlántico europeo e Mediterráneo occidental. Aniña en illotes rochosos afastados de terra, baixo pedras e no interior de fendas. No Parque Nacional só se lle coñece unha colonia de cría, con arredor dunha ducia de parellas, no illote Boeiro de Cíes.

Presente todo o ano, sempre no mar. De noite achéganse máis á costa e durante o período reprodutor (maio – outubro) visitan as colonias.

A rata depreda sobre os polos e ovos de paíño polo que a presenza de ratas é un factor que limita poderosamente a distribución do paíño. As poucas illas e illotes libres de ratas nas Rías Baixas atópanse en zonas de moi expostas ao mal tempo polo que os sitios aptos para a cría, covas e fendas, adoitan ser escasos. No 2004 colocáronse unha ducia de niños artificiais feitos de PVC no illote Boeiro co obxecto de incrementar o hábitat axeitado para a cría do paíño, experiencia que resultou moi positiva.