Paíños Hydrobatidae
Aves mariñas de pequeno tamaño e plumaxes escuras. Bico pequeno e ganchudo no que destaca unha estrutura tubular situada no nacemento da mandíbula superior. Ás relativamente longas e de perfil redondeado. Voo peculiar, aboiante, lixeiro e errático con bater case que constante das ás. Adoitan apalpar a tona da auga coas patas, que as teñen palmadas. Non mergullan.
Alimentanse de pequenos organismos peláxicos e gromos de graxa e outros lípidos orgánicos, que adoitan capturar dende o aire ou, máis raramente, pousados na auga.
Polo día e fóra do período de cría atópanse en alta mar. Polo común migradores, realizan grandes desprazamentos ao longo do ciclo anual.
Crían en colonias, en illas e illotes afastados e pouco ou nada abrigados do mal tempo e coa condición de que estean libres de ratas. Aniñan en fendas das rocha ou entre as pedras, lugares onde depositan un único ovo. Achéganse ás colonias só de noite.
En Galicia só se reproduce unha especie, o paíño europeo. Dela coñécense varias colonias, entre elas á do illote Boeiro en Cíes. As dificultades no censo de paíños son grandes polo que a incerteza da estima do número e lugares de cría tamén o é.
- Paíño europeo (Hydrobates pelagicus)