Gaivotas

Gaivotas Laridae

As gaivotas son aves mariñas de tamaño mediano ou grande co manto (lombo e dorso das ás) de cor gris e o resto do corpo de cor branca. Forman, xunto cos carráns, o grupo dos láridos (Laridae).

As especies máis pequenas adoitan presentar unha carapucha escura polo verán.

Os xuvenís das especies grandes son de cor parda e riscada e botan de tres a catro anos en acadar a plumaxe adulta en sucesivas mudas. Nas gaivotas pequenas as etapas xuvenís duran un par de anos e caracterízanse igualmente por un plumaxe apardazado.

As gaivotas son un grupo cosmopolita que está presente nunha gran variedade de hábitats, mesmo as hai que ocupan hábitats de interior e media ducia de especies son capaces de vivir e reproducirse nas cidades.

A súa dieta é moi variada e son moitas as especies de gaivota que saben como tirar partido dos recursos que o ser humano rexeita ou desaproveita.

Ata cinco especies de gaivota poden ser consideradas como habituais nas Rías Baixas. Tres delas, a gaivota patiamarela, a gaivota escura e máis o gaivotón aniñan nas illas do Parque. As outras dúas gaivotas habituais nas rías Baixas son a gaivota chorona e a gaivota de cabeza negra. A chorona é abundante entre setembro e abril, porén a gaivota de cabeza negra é escasa e localizada tanto no tempo como no espazo.

A única especie de gaivota que cría en Galicia e non cría no Parque Nacional é a gaivota tridáctila (Rissa tridactyla). Esta pequena gaivota peláxica ten o seu único lugar de aniñamento nas illas Sisargas (Malpica) e trátase dunha poboación en grave perigo de extinción.

Nas Rías Baixas é posible observar algunha especie máis de gaivota, polo xeral en moi escaso número e principalmente durante o inverno.