Aros Alcidae
Os aros pertencen á familia dos álcidos, que son un grupo de aves mariñas de tamaño mediano ou pequeno, propias das altas latitudes do Hemisferio Norte. Son aves compactas de cor negra nas partes superiores e branca nas inferiores. En terra pousan dereitas á semellanza dos pingüíns. De feito o nome de pingüín procede dun álcido do Atlántico Norte desaparecido pola acción humana na metade do século XIX, o alca xigante (Pinguinus impennis) que a diferencia dos seus parentes era incapaz de voar.
Ás curtas e estreitas que non lles dan para planar, polo que no seu voar baten as ás constantemente a gran velocidade. Pasan moito tempo pousados na auga. Por debaixo da auga desenvólvense con moito xeito, impúlsanse coas ás e mergullan ata decenas de metros de profundidade.
Son piscívoros e consumen fundamentalmente peixes peláxicos. Pasan a vida no mar e só se achegan a terra para criar, polo común en cantís rochosos de illas e illotes. Poñen un único ovo ao ano.
Na plataforma continental fronte as Rías Baixas e norte de Portugal (ata os 30-40 km da costa) seica invernan miles de álcidos, a meirande parte deles xuvenís procedentes de colonias das illas Británicas e Noruega.
As especies máis habituais nos mares galegos son o aro dos cons o aro carolo e máis o aro papagaio (Fratercula arctica), aínda que este último moi lonxe da costa, contra o límite da plataforma continental. A única especie a criar en Galicia é o aro dos cons, en gravísimo perigo de extinción. As outras son exclusivamente invernantes.
- Aro carolo (Alca torda)
- Aro dos cons (Uria aalge)