PARDELA CINCENTA (Calonectris diomedea)

Pardela cenicienta 1 Pardela cenicienta 2 Pardela cenicienta 3

PARDELA CENICIENTA / CAGARRA / CORY’S SHEARWATER
Calonectris diomedea

50 cm de lonxitude ×120 cm de envergadura. A máis grande das pardelas do Atlántico Norte. As partes superiores son de cor parda agrisada e as partes inferiores de cor branca. Peitea as ondas pola tona da auga cun voo característico no que alterna planadas longas cun preguizoso bater de ás.

Distribúese polas illas do Atlántico subtropical (Canarias, Madeira, Azores) e máis polo Mediterráneo. No período invernal (outubro – marzo) dispersan polo océano Atlántico, dende Terranova ata Agulhas (Sudáfrica).

Aniña no Parque Nacional dende 2007. Actualmente a poboación hai de superar as 20 parellas reprodutoras, espalladas pola illa de Monteagudo e San Martiño (Cíes). De costumes nocturnas cando se achega a terra, adoita aniñar en tobos baixo rochas e penedos.

Está presente nas Rías Baixas de abril a outubro. Nas augas do Parque é posible observar bandos pequenos pousados na agua ou ben individuos solitarios en voo.

Seica existen en Galicia outras dúas colonias de cría, unha nas illas Sisargas (Malpica) e outra na illa Coelleira (O Vicedo). As colonias galegas marcan o límite norte da área de cría desta especie (a colonia máis próxima atópase nas Berlengas, preto de Lisboa) e son moi novas.

As cincentas que están a colonizar Galicia enfróntanse a unha serie de ameazas graves, en especial os carnívoros terrestres introducidos (gato e visón americano) que matan tanto adultos como pitos. Á par do programa de control de gatos e visóns que se está a levar a cabo no Parque Nacional desenvolveuse un proxecto que investigaba sobre a maneira de guiar ás cincentas que andan á busca de sitios de cría cara á lugares protexidos dos depredadores. Con ese fin instaláronse dous valados a proba de depredadores provistos dun sistema automático de son que reproducía de maneira automática e programada chamadas da especie.