Carráns Laridae
Os carráns conforman, xunto con outras especies de “andoriñas de mar” e máis coas gaivotas, a familia dos láridos (Laridae). Son aves mariñas de tamaño mediano ou pequeno co manto (lombo e dorso das ás) de cor gris clara e o resto do corpo de cor branca. No período estival adoitan presentar unha “boina” negra ata os ollos que perden total ou parcialmente no inverno. As ás son longas, finas e afiadas, e teñen o rabo fendido. As patas e o pescozo son curtos. O peteiro é recto e afiado
Voo característico, lixeiro e aboiante. Patrullan zonas de augas abrigadas a poucos metros de altura e choúpanse na auga deixándose caer en picado. No mar consumen peixe pequeno.
Só dous carráns merecen a consideración de especies comúns en Galicia e nas Rías Baixas: o carrán carrán e o carrán cristado, especialmente o segundo. Ningunha delas cría en Galicia.
Cando menos outras tres especies de carráns danse observado en augas galegas con certa regularidade, aínda que practicamente restrinxidas ao tempo do paso migratorio de outono. A máis abondosa delas é o carrán ártico (Sterna paradisea).
Tamén son observables algunhas especies de andoriñas de mar propias de humedais da beiramar e do interior.
- Carrán carrán (Sterna hirundo)
- Carrán cristado (Sterna sandvicensis)