ESPECIES

As 16 especies máis comúns

No conxunto do Parque Nacional e Rías Baixas aniñan seis especies de aves mariñas, máis dependendo da época do ano, é doado observar cando menos outras dez. A suma da un total de 16 especies comúns repartidas en sete grupos:

Aros
ARO CAROLO (Alca torda)
ARO DOS CONS (Uria aalge)
Dúas especies doadas de ver no inverno.

Carráns
CARRÁN CARRÁN (Sterna hirundo)
CARRÁN CRISTADO (Thalasseus sandvicensis)
Dúas especies visitan estas augas, maiormente no outono.

Corvos mariños:
CORVO MARIÑO CRISTADO (Phalacrocorax aristotelis)
CORVO MARIÑO GRANDE (Phalacrocorax carbo)
Dúas especies de corvos mariños, o cristado cría e o grande ven polo inverno.

Gaivotas
GAIVOTA CHORONA (Croicocephalus ridibundus)
GAIVOTA DE CABEZA NEGRA (Larus melanocephalus)
GAIVOTA ESCURA (Larus fuscus)
GAIVOTA PATIAMARELA (Larus michahellis)
GAIVOTÓN (Larus marinus)
As tres especies que aniñan nas islas do Parque Nacional son a patimarela, a escura e máis o gaivotón.

Mascatos
MASCATO EUROPEO (Morus bassanus)
No espazo marítimo por fora das illas é doado observar esta especie de ave mariña, a maior de Europa.

Paíños
PAÍÑO EUROPEO (Hydrobates pelagicus)
Non é doado de observar, máis existe cando menos unha colonia de cría desta especie no Parque.

Pardelas
PARDELA BALEAR (Puffinus mauretanicus)
PARDELA CINCENTA (Calonectris diomedea)
PARDELA FURABUCHOS (Puffinus puffinus)
Tres especies de pardela, das que nada máis unha, a cincenta, aniña no Parque.

Outras especies non tan comúns

Máis as aves mariñas son grandes viaxeiras e moitas delas son voadoras extraordinarias, polo que a lista de especies posibles increméntase notablemente. Sobre todo se nos afastamos unhas millas da costa –fora por tanto do Parque Nacional e da área abranguida por este portal– ou se concentramos a nosa atención nos pasos migratorios, especialmente polo outono (agosto-outubro) cando diversas especies pasan ao longo das nosas costas, a rentes dos cabos máis dentro do mar. Unha posible lista de especies escasas aínda que habituais nas Rías Baixas é a seguinte:

  • ARO PAPAGAIO (Fratercula arctica) Común polo inverno aínda que moi lonxe da costa.
  • CARRÁN ÁRTICO (Sterna paradisea) No paso migratorio de outono. Por veces con pasos fortes.
  • GAIVOTA TRIDÁCTILA (Rissa tridactyla) Relativamente común aínda que moi lonxe da costa.
  • MOBELLA GRANDE (Gavia immer). Ave escasa, aínda que de presencia regular nas Rías Baixas. Só polo inverno.
  • PALLEIRA GRANDE (Stercorarius skua) No paso migratorio de outono e por veces durante o inverno. Escasa.
  • PARDELA ESCURA (Ardenna grisea) No paso migratorio de outono. Por veces con pasos fortes.
  • PENTUMEIRO (Melanitta nigra) Este pato mariño é relativamente común no paso migratorio de outono. Escasea no inverno.

Se tes interese en coñecer as especies de aves mariñas raras e ocasionais nas augas das Rías Baixas podes informarte no sitio da Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO).

Especies pantasma

A tecnoloxía resultante dos grandes avances ocorridos no eido da bioloxía molecular nos últimos 20 anos permite un grao de detalle e de certeza na identificación dos seres vivos impensable ata hai ben pouco. A aplicación desas técnicas á clasificación dos organismos está a supor unha auténtica revolución taxonómica que en maior ou menos medida ten afectado a todos os grupos de seres vivos; e tamén, por suposto, ás aves mariñas.

Unha das consecuencias é a perda da provervial inmutabilidade dos nomes científicos das especies, que agora, ao estar sometidos a constante revisión mudan con certa frecuencia. Nesas están as especies que mudaron de xénero, as subespecies que subiron de categoría, ou as especies que sen sairse do seu xénero mudaron de nome. De seguido tes os principais cambios ocorridos nas 16 especies máis comúns:

denominación actual denominación anterior
Croicocephalus ridibundus Larus ridibundus
Larus michahellis Larus cachinnans michahellis
Morus bassanus Sula bassanus
Puffinus mauretanicus Puffinus yelkouan mauretanicus
Thalasseus sandvicensis Sterna sandvicensis