ARO DOS CONS (Uria aalge)

ARAO

ARAO / AIRO / COMMON MURRE

Uria aalge

42 cm de lonxitude × 70 cm de envergadura. Na plumaxe reprodutora, os adultos presentan cabeza, pescozo e partes superiores de cor castaña e partes inferiores de cor branca. No inverno desaparece a cor negra de meixelas e gorxa. Bico negro, forte e afiado. Os xuvenís aseméllanse aos adultos na plumaxe de inverno.

O aro é unha especie distribuída polas altas latitudes do hemisferio norte, tanto no Atlántico como no Pacífico. O Vilán de Fóra (Camariñas), no que é posible que aínda críen unha ou dúas parellas, é a única localidade de cría do aro na Península Ibérica e marca o límite sur da área de distribución da especie no Atlántico leste.

As últimas observacións de aros a criar no actual Parque Nacional son de 1989 (illa de Monteagudo, Cíes), polo que hoxe en día esta especie só está presente como invernante.

Nas augas da plataforma, por fóra das Rías Baixas, invernan miles de aros. É doado observar aros no mar entre outubro e marzo na boca das rías e no espazo marítimo do Parque Nacional.

Os últimos aros do illote Vilán de Fóra (Camariñas) é todo o que fica dos milleiros de aros que criaban na costa atlántica ibérica. O aro foi, probablemente, a ave mariña máis numerosa de Galicia ata metade do século XX, con miles de parellas espalladas por illas e illotes da costa. Nas illas do Parque Nacional existen datos de colonias numerosas en Cíes e Ons. Desapareceron de Ons en 1975 mentres que o último intento de cría dun aro en Cíes remóntase a 1989.

A hipótese máis razoable liga a extinción do aro na Península Ibérica á introdución das redes sintéticas na pesca na metade da década de 1960. As análises demográficas suxiren que o cambio das fibras vexetais ás sintéticas nas artes de enmalle provocou unha mortalidade catastrófica de adultos reprodutores.

Hoxe en día a maior ameaza para os aos aros invernantes en Galicia é a contaminación, crónica e aguda, por petróleo. A metade das vítimas directas do petróleo que derramou o Prestige no inverno de 2002-3 foron aros. Estímase que só nas augas galegas morreron preto de 45.000 aros por causa do Prestige, a meirande deles xuvenís nados en colonias da Gran Bretaña e Irlanda.