Os carráns son aves mariñas de tamaño mediano ou pequeno co manto (lombo e dorso das ás) de cor gris clara e o resto do corpo de cor branca. No período estival adoitan presentar unha boina negra que lles chega até os ollos e que despois perden total ou parcialmente no inverno. As ás son longas, finas e afiadas, e teñen o rabo fendido. As patas e o pescozo son curtos. O peteiro é recto e afiado.
Voo característico, lixeiro e aboiante. Patrullan zonas de augas abrigadas a poucos metros de altura e choúpanse na auga deixándose caer en picado. No mar consumen peixe pequeno.
Só dous carráns merecen a consideración de especies comúns en Galicia e nas Rías Baixas: o carrán carrán e o carrán cristado, especialmente o segundo. Ningunha delas cría en Galicia.
Cando menos outras tres especies de carráns danse observado en augas galegas con certa regularidade, aínda que practicamente restrinxidas ao tempo do paso migratorio de outono. A máis abondosa delas é o carrán ártico (Sterna paradisea).
Tamén son observables algunhas especies de andoriñas de mar propias de humedais da beiramar e do interior.



CARRÁN CARRÁN / CHARRÁN COMÚN / GAIVINA / COMMON TERN
Sterna hirundo
33 cm de lonxitude × 80 cm de envergadura. É un carrán pequeno de patas vermellas. As ás son longas e estreitas e ten o rabo fendido. Polo verán presenta unha boina negra sen crista que lle chega ata os ollos, e bico é vermello coa punta negra. No inverno desaparece parte da boina de cor negra e o bico vira a negro. Os xuvenís aseméllanse moito aos adultos na plumaxe de inverno.
É un ave mariña cunha cunha ampla distribución polo Hemisferio Norte que adoita criar en augas interiores. Non aniña no Parque Nacional nin no resto de Galicia. De feito, a badía de Santander é a única localidade de cría deste carrán no Atlántico Norte Ibérico.
Especie migradora. Fóra do paso de outono (xullo-outubro), non é doado observar ao carrán carrán nas Rías Baixas.



CARRÁN CRISTADO / CHARRÁN PATINEGRO / GARAJAU / SANDWICH TERN
Sterna sandvicensis
38 cm de lonxitude × 100 cm de envergadura. Na plumaxe de verán o carrán cristado presenta unha boina negra coa caluga cristada que lle chega ata os ollos, máis no inverno perde parte da boina. O bico do carrán cristado é de cor negra máis coa punta amarela. As patas son negras. Os xuvenís aseméllanse moito aos adultos na plumaxe de inverno aínda que co peteiro completamente negro.
O carrán cristado aniña nas costas europeas e do norte de Africa e máis nas de America. Non aniña no Parque Nacional nin no resto de Galicia.
Invernante e migrador nas Rías Baixas, onde está presente entre agosto e marzo. Maiormente esparexado por augas abrigadas da ribeira como esteiros, praias e portos.