Corvos mariños

Corvos mariños Phalacrocoracidae

Os corvos mariños son aves mariñas completamente negras, grandes, pesadas e de longo pescozo. Excelentes mergulladores, aboian pouco e ao contrario da maioría das aves mariñas que “voan” debaixo da auga, os corvos mariños propúlsanse coas patas mantendo as asas ben pegadas ao corpo. Alimentanse de peixe que capturan eles mesmos, tanto de especies peláxicas como de fondo. Crían en colonias nas que constrúen niños voluminosos.

Nas costas do Atlántico europeo existen dúas especies, ambalasdúas comúns na Galiza e nas Rías Baixas: o corvo mariño cristado e o grande. O corvo mariño cristado é reprodutor, sedentario e exclusivamente mariño. O corvo mariño grande non cría na Galiza máis adoita ser abundante tanto na costa abrigada como en hábitats augacentos do interior entre setembro e marzo.

 

Cormoran grande 2

CORMORÁN GRANDE / CORVO-MARINHO / GREAT CORMORANT
Phalacrocorax carbo

90 cm de lonxitude × 140 cm de envergadura. Un ave mariña robusta, grande e completamente negra, coas meixelas abrancazadas e bico groso. No tempo da reprodución aos adultos branquéalles a caluga e máis presentan unha mancha branca na perna. Os xuvenís (ata os dous ou tres anos de idade) son de cor parda, máis claros por embaixo.

Este cormorán, de distribución practicamente cosmopolita, esténdese polas costas do Atlántico europeo y polas do Mediterráneo máis non aniña na Galiza, aínda que é común como invernante, entre finais de agosto e primeiros de abril. Ocupa tanto a ribeira do mar como as augas interiores.

Nas Rías Baixas atópase principalmente no fondo das rías. No Parque Nacional existen varios lugares nos que se xuntan numerosos exemplares a facer noite (durmideiros) como ocorre por veces na banda oeste da illa de San Martiño (Cíes) ou en Sagres (Arousa).

Cormoran monudo 2

CORMORÁN MOÑUDO / CORMARIÑO / GALO DE MAR / GALHETA / EUROPEAN SHAG
Phalacrocorax aristotelis

75 cm de lonxitude × 100 cm de envergadura. É un ave mariña de longo pescozo de cor negra con irisacións enverdezadas. A cabeza e o bico son finos e durante a primeira metade do ano os adultos locen un curto penacho. Os xuvenís (ata os dous ou tres anos de idade) son de cor parda, máis claros por embaixo.

De hábitos estritamente mariños, distribúese polas costas do Atlántico europeo y polas do Mediterráneo. Mantén colonias reprodutivas espalladas ao longo da costa galega, máis a meirande parte da súa poboación concéntrase no Parque Nacional.

A poboación reprodutora no Parque Nacional estimase entre 800 e 1000 parellas das que o 60% crían en Ons e Onza, o 30% en Cíes e o 5% restante en Sagres e Noro. Fóra do Parque as únicas localidades de cría nas Rías Baixas son os illotes Falcoeiro (Ribeira), Rúa (Ribeira) e os cantís de Os Fornos (Sanxenxo).

Os corvos mariños do Parque son sedentarios, máis semella que os xuvenís adoitan dispersarse moito. Propios do litoral rochoso e sempre preto da costa, en augas pouco profundas (< 40 m). Entre xaneiro e xullo concéntranse ao redor das illas con colonias, mentres que no outono e no inverno espállanse algo máis.

Ao redor da metade dos corvos mariños da costa atlántica ibérica aniñan no Parque Nacional. Trátase da única especie de ave mariña que conta cun Plan de Conservación específico para o Parque e máis tamén foi incluída no Plan de Conservación das Aves Mariñas de Galicia. Os diagnósticos efectuados neses plans indican unha forte redución da poboación reprodutora nos últimos anos o que a cualifica “en perigo de extinción”.

A mortalidade en artes de pesca de enmalle, a depredación de carnívoros introducidos nas illas (gato e visón americano) e mais os efectos derivados do vertido do petroleiro Prestige, tanto directos (mortalidade de adultos petroleados) como indirectos (escaseza de bolos, Ammodytidae) foron as principais causas detrás do seu declinar.

Actualmente, grazas ao éxito dos plans de control e erradicación de gatos e visóns desenvolvidos polo Parque, o efecto dos carnívoros terrestres introducidos sobre as colonias de corvo mariño considérase nulo ou moi baixo.

Podes consultar os datos dos censos da poboación reprodutora no Parque picando aqui.