Gaivotas

Gaivotas Laridae

As gaivotas son aves mariñas de tamaño mediano ou grande co manto (lombo e dorso das ás) de cor gris e o resto do corpo de cor branca. Forman, xunto cos carráns, o grupo dos láridos (Laridae).

As especies máis pequenas adoitan presentar unha carapucha escura polo verán.

Os xuvenís das especies grandes son de cor parda e riscada e botan de tres a catro anos en acadar a plumaxe adulta en sucesivas mudas. Nas gaivotas pequenas as etapas xuvenís duran un par de anos e caracterízanse igualmente por un plumaxe apardazado.

As gaivotas son un grupo cosmopolita que está presente nunha gran variedade de hábitats, mesmo as hai que ocupan hábitats de interior e media ducia de especies son capaces de vivir e reproducirse nas cidades.

A súa dieta é moi variada e son moitas as especies de gaivota que saben como tirar partido dos recursos que o ser humano rexeita ou desaproveita.

Ata cinco especies de gaivota poden ser consideradas como habituais nas Rías Baixas. Tres delas, a gaivota patiamarela, a gaivota escura e máis o gaivotón aniñan nas illas do Parque. As outras dúas gaivotas habituais nas rías Baixas son a gaivota chorona e a gaivota de cabeza negra. A chorona é abundante entre setembro e abril, porén a gaivota de cabeza negra, aínda sendo común, fica máis localizada tanto no tempo como no espazo.

A única especie de gaivota que cría en Galicia e non cría no Parque Nacional é a gaivota tridáctila (Rissa tridactyla). Esta pequena gaivota peláxica ten o seu único lugar de aniñamento nas illas Sisargas (Malpica) e trátase dunha poboación en grave perigo de extinción se é que non está xa definitivamente desaparecida.Nas Rías Baixas é posible observar algunha especie máis de gaivota, polo xeral en moi escaso número e principalmente durante o inverno.

Gaviota reidora 1 Gaviota reidora 2

GAIVOTA CHORONA / GUINCHO / BLACK-HEADED GULL
Chroicocephalus ridibundus

37 cm de lonxitude × 100 cm de envergadura. No período reprodutor os adultos desta especie presentan unha característica carapucha da cor do chiculate. Outro risco característico é o bordo de ataque das asas é de cor branca. O peteiro é de cor vermella coa punta negra e as patas son igualmente vermellas.

A carapucha desaparece polo inverno, máis conserva unha mancha con forma de faba detrás dos ollos. Os xuvenís aseméllanse moito aos adultos en plumaxe invernal.

Común en hábitats de auga doce do interior, é unha das gaivotas máis abondosas e con máis ampla distribución no mundo, distribuída por toda Europa.

Non aniña no Parque nin no resto de Galicia. As Rías Baixas acollen unha nutrida poboación invernante (setembro-abril) asentada de preferencia en zonas recollidas preto da costa: esteiros, praias e portos. Moi común en Cortegada, non tanto nas illas de fóra.

Seica ten criado na Galiza na década de 1970, nas Xunqueiras de Baldaio (Carballo).

 

 

Gaviota cabecinegra 1 Gaviota cabecinegra 2 Gaviota cabecinegra 3

GAVIOTA DE CABEZA NEGRA / GAIVOTA-DE-CABEZA-PRETA / MEDITERRANEAN GULL
Larus melanocephalus

37 cm de lonxitude × 100 cm de envergadura. Gaivota pequena e moi coas ás de cor gris clariño, brancas cara á punta. No verán (abril – agosto) os adultos presentan unha carapucha negra que se perde na plumaxe invernal. Bico e patas son de cor vermella. Os xuvenís aseméllanse moito aos adultos en plumaxe invernal.

E unha gaivota tanto de hábitats costeiros como de interior distribuída maiormente polas ribeiras do Mediterráneo. A meirande parte delas reprodúcense en Ucraína, mentres que a poboación reprodutora ibérica e dunhas poucas ducias de parellas. Non aniña no Parque nin no resto de Galicia.

Común nas Rías Baixas aínda que non tanto no Parque Nacional, cando máis abunda é durante os pasos migratorios e no outono. A poboación invernante nas Rías Baixas é numerosa e medrou moito nas últimas décadas.

Atópase en zonas de augas abrigadas preto da ribeira: esteiros, praias, portos, máis tamén na costa baixa e rochosa e mesmo por fóra detrás dos pesqueiros.

 

 

Gaviota sombria 1 Gaviota sombria 2 Juveniles

GAVIOTA ESCURA / GAIVOTA-D’ASA-ESCURA / LESSER BLACK-BACKED GULL
Larus fuscus

55 cm de lonxitude × 120 cm de envergadura. É unha gaivota grande co manto de cor gris lousa e as patas de cor laranxa. Os xuvenís son pardos.

Especie migradora distribuída polas costas do Atlántico Leste e por Siberia. Nas Rías Baixas aniñan entre 20 e 30 parellas, todas elas no Parque Nacional, nas illas de Sálvora e Vionta. A poboación reprodutora de gaivota sombría no Parque representa unha parte considerable das gaivotas escuras ibéricas (entre un cuarto e un terzo). Podes consultar os censos aquí.

Común nas Rías Baixas e no Parque Nacional durante os pasos migratorios e durante o inverno, período no que é doado atopar gaivotas escuras en tódolos bandos de gaivotas grandes. Atópanse tanto en zonas de augas abrigadas e de esteiro como nas praias máis expostas.

Pénsase que colonizaron Galicia na década de 1970. Actualmente, á parte da poboación do arquipélago de Sálvora só se atopan a criar nas illas de Sisargas (Malpica). As poboacións galegas de gaivota escura semellan estar a devecer, se cadra cunha taxa de declive preocupante.

 

 

Gaviota patiamarilla 1 Gaviota patiamarilla 2 Gaviota patiamarilla 3 Juveniles

GAIVOTA PATIAMARELA / GAIVOTA-DE-PATAS-AMARELAS / YELLOW-LEGGED GULL
Larus michahellis

60 cm de lonxitude × 130 cm de envergadura. É unha gaivota grande co manto gris e coa cabezo, rabo e partes inferiores de cor branca. A cor das patas no período reprodutor vai do amarelo ao laranxa. Os xuvenís son pardos.

Distribúese pola costa Mediterránea e pola costa atlántica da Península Ibérica. Cría na meirande parte das illas e illotes das Rías Baixas e máis en tódalas cidades e vilas. No Parque aniñan ao redor de 5.000 parellas, a meirande parte delas en Sálvora. Podes consultar os censos aquí.

A poboación das Rías Baixas, mantense relativamente estable ao longo do ano, aínda que unha parte substancial dos xuvenís adoitan invernar no norte de Portugal. Abandonan as colonias en setembro e volven a elas a partires de marzo.

Está por todas partes en todo tipo de hábitats do litoral. Asócianse ás embarcacións de pesca en busca de descarte e tamén é doado observar grandes bandos a pescar patexo (Polybius henslowii) un cangrexo nadador que constitúe a base da súa dieta no verán.

A poboación reprodutora desta especie no Parque Nacional está a descer a un ritmo máis que preocupante.

 

 

Gavion 1 Gavion 2

GAIVOTÓN ATLÁNTICO / GAIVOTAO-REAL / GREAT BLACK-BACKED GULL
Larus marinus

70 cm de de lonxitude × 165 cm de envergadura. O gaivotón é a maior das gaivotas. O seu manto é negro e as patas son de cor rosa esvaído. Os xuvenís son pardos.

Distribúese polas costas do Atlántico Norte e nos Grandes Lagos de Norteamérica. O gaivotón é unha especie moi nova na avifauna galega e ibérica. Os primeiros datos de cría certa son de 2005, nos Farallóns de San Cibrao (Lugo). Polo de agora a cría de gaivotón na Península Ibérica só se ten comprobado en Galicia e no Cantábrico.

É unha das máis recentes incorporacións á avifauna de aves mariñas do Parque onde criou por vez primeira en 2008, en Sagres, illas nas que xa se viñas observando adultos durante o período reprodutor cando menos dende 2004. Nos últimos anos ven criando en Vionta e Sálvora. Podes consultar os censos aquí

O gaivotón é unha especie migradora, sendo relativamente común no inverno. Varias ducias de gaivotóns pasan o inverno nas Rías Baixas e no Parque Nacional.