Pardelas e furabuchos
Procellariidae
As pardelas son aves mariñas de tamaño medio ou grande. En Galicia as especies de pardela de menor tamaño chámanse furabuchos. A plumaxe é de cor escura, negra, gris ou apardazada, coas partes inferiores polo común máis claras. O peteiro é recto, aganchado no bico e con dous “tubos” colocados en paralelo ao longo do eixo da mandíbula superior.
Formidables voadoras, pasan a meirande parte da súa vida en mar aberto cubrindo enormes distancias tódolos anos. Ás longas, estreitas e afiadas. Peitean as ondas cun voo característico que alterna planadas e bater de ás.
Alimentanse de peixe e de invertebrados mariños que tanto “recollen” en voo como capturan na auga. Son capaces de mergullar uns poucos metros e de irlle enriba ao peixe nadando coas ás.
Os tubos do bico están relacionados co sentido do olfacto que é moi fino nestas aves, o que lles permite localizar o alimento no medio do mar. Este consiste maiormente en peixe peláxico e cefalópodos. Son varias as especies que tiran partido dos descartes da pesca.
Aniñan baixo terra, en tobos e coviñas. onde depositan un único ovo. A vida nas colonias é nocturna.
En conxunto, as pardelas son un dos grupos de aves máis ameazados do planeta, e son varias as especies que están a piques de desaparecer para sempre. Unha das causas desa situación tan desfavorable ven dada por elas concentrar os seus efectivos reprodutores en poucos lugares, por veces nunha illa só o que fai que sexan moi vulnerables a calquera cambio a peor nas condicións ecolóxicas da illa. Ademais ao poñer un ovo ao ano a súa taxa reprodutiva é moi baixa polo que lles costa moito recuperarse das perdas de poboación.
En Galicia só se coñece da existencia dunha especie de pardela a criar, a pardela cincenta, mentres que as outras especies comúns nos mares galegos, o furabuchos balear e o atlántico, vense no verán e no outono principalmente.
Outras especies de pardela poden observarse nas Rías Baixas, sobre todo no tempo do paso migratorio de outono. As máis abundantes delas son a pardela escura (Ardenna grisea) e máis a pardela encarapuchada (Ardenna gravis).

FURABUCHO BALEAR / FURA-BUCHO BALEAR / BALEARIC SHEARWATER
Puffinus mauretanicus
35 cm de lonxitude × 80 cm de envergadura. Pardela pequena de cor apardazada coas partes inferiores algo máis claras. Voo rápido pola tona da auga no que alterna planadas longas con períodos máis curtos de rápido bater de ás.
Especie exclusiva das illas Baleares que adoita dispersarse cara ao Atlántico despois da reprodución.
Nas augas das Rías Baixas e do Parque Nacional está presente, principalmente de xullo a outubro, unha poboación aberta constituída por aves que non se reproduciron o que xa completaron a reprodución. Sempre no mar, é doado observar bandos cativos pousados na auga ou ben individuos solitarios en voo. na boca de las Rías e ao redor das illas do Parque.
A pardela balear está considerada como unha das aves máis ameazadas de extinción da avifauna do noso planeta. Isto é debido, en parte, ao feito de concentrarse a especie nunhas poucas colonias do arquipélago balear. As augas exteriores das rías, xunto co espazo marítimo del Parque, seica constitúen unha zona de alimentación importante no período despois da reprodución.


PARDELA CINCENTA / CAGARRA / CORY’S SHEARWATER
Calonectris diomedea borealis
50 cm de lonxitude ×120 cm de envergadura. A máis grande das pardelas do Atlántico Norte. As partes superiores son de cor parda agrisada e as partes inferiores de cor branca. Peitea as ondas pola tona da auga cun voo característico no que alterna planadas longas cun preguizoso bater de ás.
Distribúese polas illas do Atlántico subtropical (Canarias, Madeira, Azores) e máis polo Mediterráneo. No período invernal (outubro – marzo) dispersan polo océano Atlántico, dende Terranova ata Agulhas (Sudáfrica).
Aniña no Parque Nacional dende 2007. Actualmente a poboación hai de superar as 20 parellas reprodutoras, espalladas pola illa de Monteagudo e San Martiño (Cíes). De costumes nocturnas cando se achega a terra, adoita aniñar en tobos baixo rochas e penedos.
Está presente nas Rías Baixas de abril a outubro. Nas augas do Parque é posible observar bandos pequenos pousados na agua ou ben individuos solitarios en voo.
Seica existen en Galicia outras dúas colonias de cría, unha nas illas Sisargas (Malpica) e outra na illa Coelleira (O Vicedo). As colonias galegas marcan o límite norte da área de cría desta especie (a colonia máis próxima atópase nas Berlengas, preto de Lisboa) e son moi novas.


FURABUCHO ATLANTICO / FURA-BUCHO do ATLÁNTICO / MANX’S SHEARWATER
Puffinus puffinus
35 cm de lonxitude × 80 cm de envergadura. É unha pardela pequena, negra por enriba e abrancazada por embaixo. Voo rápido pola tona da auga no que alterna planadas longas con períodos máis curtos de rápido bater de ás.
A área de cría da furabuchos limítase as illas do Atlántico norte, con máis do 90% da poboación reprodutora concentrada nunhas poucas illas da costa occidental da Gran Bretaña. Historicamente, as furabuchos ocupaban un maior número de illas máis a introdución accidental de ratas (Rattus spp.) varreu coas súas colonias de cría.
Non aniñan no Parque nin en localidade algunha do Atlántico Ibérico. Presente nas Rías Baixas principalmente de agosto a outubro.
