Seguimento das poboacións de aves mariñas no Parque Nacional Marítimo e Terrestre das illas Atlánticas de Galicia. Resultados de 2024.

Munilla, I. 2024. Seguimento das poboacións de aves mariñas no Parque Nacional Marítimo e Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia en 2024. Parque Nacional Maritimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Novembro 2024.


Corvo mariño (Phalacrocorax aristotelis)

• A poboación reprodutora de corvo mariño en 2024 estimouse en 511 parellas distribuidas en 11 localidades de cría. O 56% censouse en Ons, o 39% en Cíes e o 5% restante en Sálvora (Sagres, Noro e Pedra do Sargo).

• Contáronse 267 parellas menos que en 2023 o que supón un descenso porcentual do -34%. Os tres arquipélagos perderon poboación con respecto do ano pasado nunha proporción semellante (Cíes= -28,9%; Ons= -37,5%; Sálvora= -35,9%). Os pobres resultados do censo de 2024 inciden moi negativamente na taxa de crecemento estimada para os últimos dez anos (2014-2024) no conxunto do Parque Nacional que baixa até o -7,7%.

• A estima do desempeño reprodutivo no Parque Nacional en 2023, estimada a partir do seguimento de 31 sitios ocupados en Sagres e Ons foi de (media ± desviación típica): 0,32 ± 0,70 polos por niño. O 80% das parellas seguidas non deron sacado adiante polo ningún e non se observaron roladas de tres polos. O valor obtido este ano é o máis baixo da serie de datos ao dispor.

• A análise de 118 egagrópilas indica que a dieta durante o periodo reprodutivo estivo composta maioritariamente de cinco grupos de peixe: lábridos (Labridae; 39,0%), bogas (Boops boops; 30,5%), lorchos (Gobiidae; 27,1%), fanecas (Trisopterus spp., 22,0%) e pións (Atherina presbyter; 22,0%).

Gaivota patiamarela (Larus michahellis)

A poboación reprodutora de gaivota de patas amarelas no Parque Nacional en 2024 estimouse en 4973 parellas. Perto de dous terzos (62,9%) da poboación concéntrouse no arquipélago de Sálvora, un cuarto (26,9%) no de Cíes e o resto (9,71%) en Ons

• En 2024 cenáronse 1387 parellas menos que en 2022 (ano do último censo), un descenso porcentual do 21,8%.
No arquipélago de Sálvora a poboación inzou un 3,3%, metres que nos de Ons e Cíes perdeuse máis do 40% da poboación.

• O tamaño da poboación reprodutora en 2024 supón o 16,4% do máximo poboacional rexistrado en 2006 (N%= -83,7%; %anual= -9,6%). A maior perda ten acontecido no arquipélago de Cíes (N%= -91,6%; %anual= -12,9%) seguido do de Ons (N%= -89,8%; %anual= -11,9%) e Sálvora (N%= -67,9%; %anual= -6,1%).

• O desempeño reprodutivo rexistrado nunha mostra de 88 territorios foi baixo (media ± desviación típica = 0,78 ± 1,02 polos a voar por territorio). Apenas o 5,7% dos territorios conseguiron criar 3 polos e máis da metade (56,8%) non deron producido polo ningún.

Gaivota escura (Larus fuscus)

• A poboación reprodutora foi estimada en 32 parellas, todas elas agás unha en Vionta, estableceron territorios en Sálvora. A estima de 2024 incide na idea dunha certa estabilización da poboación reprodutora de gaivota de asa escura no Parque ao longo destes última década (2015-2024) en torno ás 25-30 parellas

Gaivotón (Larus marinus)

• En 2024 estimouse unha poboación reprodutora de gaivotón de 8 parellas, 3 na illa de Vionta e 5 na de Sálvora.

• O desempeño reprodutivo estimouse en 1,00 ± 0,71 polos a voar por parella.

Lampareiro (Haematopus ostralegus)

• A estima do tamaño da poboación reprodutora de gabita no Parque Nacional en 2023 é de 17 parellas: 11 en Sálvora, 5 en Vionta e 1 en Viños.

• As cifras deste ano duplican as obtidas en 2023 e suxiren por tanto que a pobación de gavita ten experimentado un considerable recrutamento e 2024. A curva de pooación para o período 2013-2024 suxire que a poboación pode atoparse nos comezos dunha fase de forte crecemento.

• O desempeño reprodutivo foi estimado en 1,27 ± 0,79 polos por parella.

Outras especies

• A garzota (Egretta garzetta) continúa a criar no illote de Briñas en Cortegada. Comprobouse a aniñamento de pato frisado (Mareca strepera) en Sagres.

Deixar un comentario