Seguimento das poboacións de aves mariñas no Parque Nacional Marítimo e Terrestre das illas Atlánticas de Galicia. Resultados de 2020.

Munilla, I. e Lapeña, P. 2020. Seguimento das poboacións de aves mariñas no Parque Nacional Marítimo e Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia: resultados de 2020. Parque Nacional Maritimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Outubro 2020.


Corvo mariño (Phalacrocorax aristotelis)

• A poboación reprodutora de corvo mariño en 2020 estimouse en 793 parellas. O 63% aniñou no arquipélago de Ons, o 28% no de Cíes e o 9% restante en Sálvora (Sagres e Noro). A colonia máis numerosa foi Ons Norte con 412 parellas, o 52% das estimadas para o conxunto do Parque.

• A estima de 2020 supón un descenso considerable en relación a 2019 (-169 parellas; -17,6%). A maior perda en termos absolutos rexistrouse en Ons (108 parellas) e o maior declive porcentual na illa de O Faro (-41%).

• Dentro deste contexto compre destacar a pequena colonia de Noro (arquipélago de Sálvora) que duplicou o tamaño ata os 12 niños.

• A estima do éxito reprodutor no Parque Nacional en 2020, estimada a partir do seguimento de niños en Cíes e Ons foi de (media ± desviación típica): 1,00 ± 1,03 polos por niño (N = 31 niños).

• A análise de 102 egagrópilas indica que a dieta durante o periodo reprodutivo estivo composta maioritariamente de cinco grupos de peixe: bolos (Ammodytidae; 31,4%); lorchos (Gobiidae; 23,5%); pións (Atherina presbyter; 22,5%); fanecas (Trisopterus 21,6%) e lábridos (Labridae; 20,6%). Observáronse diferencias marcadas entre os tres arquipélagos.

Gaivota patiamarela (Larus michahellis)

• A poboación reprodutora de gaivota de patas amarelas estimouse en 6955 parellas. O 44,2% concéntranse no arquipélago de Sálvora, o 28,3% en Cíes e o 27,4% de Ons.

• Os resultados de 2020 supoñen un descenso alarmante con respecto de 2019 (-2218 parellas; -24,0%). As maiores derrubas en porcentaxe rexistráronse nas illas de O Faro (-50,8%) e Vionta (-37,1%). Porén, a illa de Ons experimentou unha lixeira recuperación da poboación (10,6%).

• Entre 2006, ano no que comezou o declive, e 2020 perdéronse 23.475 parellas, o 77% da poboación reprodutora daquela (taxa de declive anual= -10,0%).

• Os datos recollidos anualmente dende 2011 en 6 sectores de seguimento indican que nesta última década perdeuse o 63,6% da poboación reproductora (taxa anual de declive= -10,6%).

• Rexistráronse un total de 24 gaivotas de patas amarelas afectadas por síndrome de parálise: 13 en Arousa, 8 en Cíes e 3 en Ons. Todas, agás unha, no mes de maio.

• O tipo de alimento mellor representado na mostra de egagrópilas analizada (N= 160) foi o patexo (Polybius henslowii; 48,4%) seguido dos invertebrados do intermareal (22,0%) o lixo urbano (15,1%) e máis o alimento de hábitats terrestres (5,7%).

Gaivota escura (Larus fuscus)

• A poboación reprodutora foi estimada en 28 parellas, 27 en Sálvora e unha en Vionta.

Gaivotón (Larus marinus)

• Rexistráronse dúas parellas reprodutoras, unha na illa Vionta e outra en Sálvora.

Pardela cincenta (Calonectris diomedea)

• O seguimento da colonia de Tropezas indica que a porcentaxe de ocupación dos sitios de niño coñecidos foi alta (80%). En 13 sitios (52%) as evidencias atopadas indicaban a ocupación por parellas reproductoras.

• A taxa de ocupación por parellas con polos é semellante á de anos anteriores.

Seguimento remoto de corvo mariño

• Equipáronse catro corvos mariños con equipos de seguimento remoto GPS/GSM, dous en Ons e dous en Cíes. Entre outubro de 2019 e setembro de 2020 rexistráronse 13.172 localizacións procedentes dos sete corvos mariños que estiveron operativos. Un dos exemplares de Ons deixou de transmitir ao mes de saír.

• A área do polígono mínimo convexo elaborado con todas as localizacións foi de 1297 km2. O vértice sur deste polígono sitúase en Oia e o punto máis ao norte en Porto do Son. Os puntos máis cara ao interior foron Vigo, Sanxenxo e Boiro. Os máis afastados de terra obtivéronse 1400 m ao oeste das illas de O Faro e Onza.

• Os maiores desplazamentos corresponderon aos corvos mariños das illas Cíes e os menores aos de Sálvora. Os de Ons seguiron un padrón moi regular con desprazamentos continuados á costa do noroeste da ría de Pontevedra. Dous dos exemplares equipados en Cíes trasladáronse ás augas de Sálvora durante varios meses.

• Os datos suxiren diferencias amplias ao longo dos meses. Os maiores desprazamentos tiveron lugar no segundo trimestre do ano, no pleno do periodo reprodutor.

• As variacións individuais na área de campeo total foron moi amplas (8,9 km2 – 562 km2). Os valores máis altos foron debidos, ou ben a individuos que mudaron de arquipélago ou ben a desprazamentos lonxanos esporádicos.

• Tódolos exemplares solaparon a súa área de campeo con a lo menos outros dous conxéneres (máximo= 6; moda= 3). As zonas de maior solapamento configuran tres polígonos situados en cada un dos tres arquipélagos do Parque, o menor deles en Ons.

• A proporción de espazo protexido cuberto polas respectivas áreas de campeo individuais foi, en promedio, do 8,5% (0,2% – 25%).

Deixar un comentario