Munilla, I. 2023. Seguimento das poboacións de aves mariñas no Parque Nacional Marítimo e Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia en 2023. Parque Nacional Maritimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Outubro 2023.
Corvo mariño (Phalacrocorax aristotelis)
• A poboación reprodutora de corvo mariño en 2023 estimouse en 778 parellas esparexidas en 11 localidades de cría. O 59% aniñou no arquipélago de Ons, o 36% no de Cíes e o 5% restante en Sálvora (Sagres, Noro e Pedra do Sargo).
• A estima de 2023 supón unha redución de 65 parellas en comparación co 2022 (-7,7%). A taxa de crecemento anual no conxunto do Parque Nacional para o período 2013-2023 é negativa (-2,12%).
• A estima do desempeño reprodutivo no Parque Nacional en 2023, estimada a partir do seguimento de 43 sitios ocupados en Sagres e Ons foi de (media ± desviación típica): 0,63 ± 0,89 polos por niño. O 60% das parellas seguidas non conseguiron sacar adiante polo ningún.
• A análise de 58 egagrópilas indica que a dieta durante o periodo reprodutivo estivo composta maioritariamente de cinco grupos de peixe: lábridos (Labridae; 43,1%), pións (Atherina presbyter; 27,6%), fanecas (Trisopterus spp., 20,7%), lorchos (Gobiidae; 15,5%), e bolos (Ammoditydae, 12,1%).
Gaivota patiamarela (Larus michahellis)
• O seguimento do tamaño da poboación reprodutora de gaivota patiamarela baseouse no reconto dos sectores de censo, que este ano xuntaron 1068 parellas.
• Dende a instauración deste esquema de seguimento en 2011 a poboación reprodutora de gaivota patiamarela nestes sectores diminuíu nun 67% o que equivale a unha taxa anual de declive do -8,9%.
• O desempeño reprodutor rexistrado nunha mostra de 62 territorios nas illas de Sálvora e O Faro foi alto (media ± desviación típica = 1,26 ± 1,08 polos a voar por territorio). O 16% das parellas con territorio conseguiron sacar adiante os tres polos.
Gaivota escura (Larus fuscus)
• A poboación reprodutora foi estimada en 30 parellas, todas elas agás unha, en Sálvora.
Gaivotón (Larus marinus)
• Rexistráronse 4 parellas reprodutoras, 2 na illa Vionta e 2 na de Sálvora. As catro déronse reproducido con éxito e máis acadouse unha media de 2,25 polos por parella.
Pardela cincenta (Calonectris borealis)
• Este ano comprobouse a ocupación de tobos en Tropezas, A Perchán, Chancelos e máis nas Covas do Xermán. Os catro sitios de cría ocupados en Covas do Xermán constitúen unha nova zona de reprodución na banda oeste de Monteagudo
• Dos 32 tobos examinados, 14 (44%) presentaron evidencias de ter sido ocupados nalgún momento da tempada de cría, 9 deles (28%) por individuos reprodutores. A proporción de tobos con polos fronte o total de tobos ocupados foi do 64%
Lampareiro (Haematopus ostralegus)
• A estima do tamaño da poboación reprodutora de gabita no Parque Nacional en 2023 é de 8 parellas: 4 en Sálvora, 3 en Vionta e 1 en Viños.
Outras especies
• A garzota (Egretta garzetta) continúa a criar no illote de Briñas en Cortegada. Comprobouse a aniñamento de pato frisado (Mareca strepera) en Sagres e Vionta