Munilla, I. e Lapeña, P. 2021. Seguimento das poboacións de aves mariñas no Parque Nacional Marítimo e Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia: resultados de 2021. Parque Nacional Maritimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Outubro 2021.
Corvo mariño (Phalacrocorax aristotelis)
• A poboación reprodutora de corvo mariño en 2021 estimouse en 811 parellas. O 57% aniñou no arquipélago de Ons, o 37% no de Cíes e o 7% restante en Sálvora (Sagres, Noro e Gavoteira). A colonia máis numerosa foi Ons Norte con 377 parellas, o 46,5% das estimadas para o conxunto do Parque.
• Este ano censouse a illa de San Martiño (150 parellas) da que non se tiñan datos directos dende 2018.
• A estima de 2021 supón un lixeiro aumento en relación a 2020 (18 parellas; 1,9%) aínda que pode estar condicionado pola falla de estimas directas de San Martiño en anos anteriores. En Ons (-6,3%) e Arousa (-37%) perdeuse poboación..
• A estima do éxito reprodutor no Parque Nacional en 2021, estimada a partir do seguimento de 39 sitios ocupados en Sagres e Ons foi de (media ± desviación típica): 0,79 ± 0,80 polos por niño.
• A análise de 93 egagrópilas indica que a dieta durante o periodo reprodutivo estivo composta maioritariamente de cinco grupos de peixe: lábridos (Labridae; 41,9%), bolos (Ammodytidae; 21,5%), pións (Atherina presbyter; 20,4%), fanecas (Trisopterus spp., 20,4%) e lorchos (Gobiidae; 18,3%). Observáronse diferencias entre os tres arquipélagos, coa dieta máis diversa en Ons.
• Este ano recolléronse 2 cadáveres de corvos mariños enmallados.
Gaivota patiamarela (Larus michahellis)
• A poboación reprodutora de gaivota de patas amarelas nos 6 sectores definidos para o seguimento desta variable foi estimada en 1308 parellas.
• Estes datos suxiren un certo freo na caída poboacional observada nesta especie pois a variación interanual para o conxunto de sectores foi do 9,8% e oscilou entre o -5,6% de Muxieiros e o 43,3% de Hortas-Canabal.
• Dende a instauración deste esquema de seguimento (2011) perdeuse o 60% da poboación reprodutora de gaivota patiamarela dos sectores, o que equivale a unha taxa anual de declive do -8,8%.
• O tipo de alimento mellor representado na mostra de egagrópilas analizada (N= 155) foi o patexo (Polybius henslowii; 68,4%) seguido dos invertebrados do intermareal (21,3%) o lixo urbano (5,8%).
• O suceso reprodutor rexistrado nunha mostra de 25 territorios na illa de O Faro foi baixo (media ± desviación típica = 0,80 ± 1,00 polos a voar por territorio). A metade das parellas con territorio (52%) non conseguiron sacar adiante polo ningún.
Gaivota escura (Larus fuscus)
• A poboación reprodutora foi estimada en 27 parellas, 25 en Sálvora, 1 en Vionta e 1 en Ons.
Gaivotón (Larus marinus)
• Rexistráronse 3 parellas reprodutoras, 2 na illa Vionta e 1 en Sálvora.
Pardela cincenta (Calonectris diomedea)
• Este ano comprobouse a reprodución da pardela cincenta en tres zonas da illa de Monteagudo Tropezas, A Perchán e mais en Chancelos.
• A parella de Chancelos criou na parcela onde se instalara o sistema de atracción social en 2013. O último rexistro de cría comprobada en Chancelos é de 2015.
• Os datos recollidos en Tropezas suxiren un número elevado de polos producidos en relación ao número de sitios ocupados. Detectáronse evidencias da presencia de polos en 13 sitios (o 52% dos sitios ocupados).
Paíño europeo (Hydrobates pelagicus)
• O primeiro de xullo realizouse un censo da poboación reprodutora de paíño europeo no illote Boeiro, única colonia coñecida no Parque Nacional e que non tiña sido inspeccionada dende 2011.
• Rexistráronse evidencias de ocupación por paíños reprodutores nun total de tres sitios de niño, dous deles nas caixas-niño instaladas en 2011.
Outras especies
• Censáronse 4 territorios de gavita (Haematopus ostralegus) no arquipélago de Sálvora. Comprobouse a aniñamento de pato frisado (Anas strepera) en Sagres.
Seguimento remoto de corvo mariño
• Entre setembro de 2020 e novembro de 2021 estiveron activos seis dos oito transmisores cos que foran equipados os corvos mariños do Parque entre 2018 e 2020. Este ano non se equiparon novos exemplares. Rexistráronse en total 6155 localizacións.
• A área do polígono mínimo convexo elaborado con todas as localizacións foi de 693 km2. O vértice sur deste polígono sitúase en Oia e o punto máis ao norte en Ribeira. Os puntos máis cara ao interior situáronse en Bouzas (Vigo) e os máis ao oeste en Sagres.
• As variacións individuais na área de campo total (3,1 km2 – 176,0 km2) e na área de campo promediada por meses (1,8 km2 – 40,9 km2) foron elevadas. Os valores máis altos corresponderon aos exemplares procedentes de Cíes que mudaran a Arousa ou que realizaran desprazamentos lonxanos esporádicos.
• O solapamento entre as áreas de campo dos distintos individuos, definidas polos respectivos polígonos mínimos convexos, foi moi reducido. A zona de maior solapamento correspóndese cun pousadoiro no bico suroeste da illa de Onza.
• Agás no caso dun dos exemplares, as áreas dos polígonos mínimos convexos construídos coas localizacións emitidas dentro do espazo protexido do Parque Nacional foron máis ben cativas, e supoñen porcentaxes pequenas do espazo protexido nos distintos arquipélagos (media ± desviación típica = 2,9 ± 4,6 %).