Seguimento das poboacións de aves mariñas no Parque Nacional Marítimo e Terrestre das illas Atlánticas de Galicia. Resultados de 2018.

Munilla, I. 2018. Seguimento das poboacións de aves mariñas no Parque Nacional Marítimo e Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia: resultados de 2018. Parque Nacional Marítimo e Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Decembro 2018.


RESUMO

Corvo mariño (P. aristotelis)

  • A poboación reprodutora de corvo mariño no Parque Nacional en 2018 estimouse en 894 parellas repartidas en oito colonias principais. Dous terzos da poboación do Parque localízanse no arquipélago de Ons, o 25% no arquipélago de Cíes e o 7% restante en Sagres. A colonia máis numerosa é Ons Norte con 465 parellas, a metade das estimadas para o conxunto do Parque.
  • O número de parellas censadas representa unha lixeira baixa (-5,3%) con respecto dos datos de 2017.
  • A estima do éxito reprodutor no Parque Nacional en 2018 foi de (media ± desviación típica): 0,73 ± 0,87 polos por niño (N = 73 niños), con diferenzas pouco marcadas entre os tres arquipélagos: Cíes = 0,60 ± 0,94 polos por niño; Ons = 0,77 ± 0,86; Sagres = 0,78 ± 0,85.
  • A análise de 183 egagrópilas recollidas durante o periodo reprodutor nas illas Cíes (N= 57), Ons (N= 76) e Sagres de Fora (N= 50) indican que en 2018 os corvos mariños do Parque Nacional consumiron maioritariamente catro grupos de peixe, por esta orde: lábridos (Labridae), pións (Atherina presbyter), fanecas (Trisopterus) e lorchos (Gobiidae).
  • A presa principal dos corvos nos tres arquipélagos do parque son os lábridos. A frecuencia de bolos (Ammodytidae) na mostra de de Cíes foi moi baixa, o que suxire que as poboacións deste peixe perto das illas aínda non se deron recuperado.
  • Este ano equipáronse dous corvos mariños con equipos de seguimento remoto GPS/GSM, un na colonia de Ons e outro na de Sagres. Dous terzos das 4374 localizacións obtidas entre xuño e decembro producíronse fora das augas do Parque.
  • O corvo de Sagres moveuse por unha área de 14,6 km2 entre A Graña, Aguiño e o norte da illa de Sálvora, coa meirande parte das localizacións entre Sagres e Aguiño. O corvo de Ons desplazóuse por unha área de 88,7 km2 que vai da illa de Arousa á de Onza, coa meirande parte das observacións entre o norte da illa de Ons e A Lanzada.

Gaivota patiamarela (L. michahellis)

  • O seguimento interanual do número de territorios aparentemente ocupados nos sectores de censo repartidos polas colonias do Parque indica unha diminución da poboación reprodutora de gaivota patiamarela do 7% en relación ás cifras de 2017. A poboación reprodutora ten diminuído en tódolos sectores agás en Sálvora, illa na que a poboación incrementouse nun 30%.
  • O declive anual promedio para o conxunto de sectores ao longo do periodo de seguimento (2011-2018) é considerable (-8,7%). Tódolos sectores, agás o das dunas de Cíes, levan perdido entre o 44% e o 64% da poboación que se lles estimara no 2011.
  • Comparouse de novo o éxito reprodutor entre dúas parcelas representativas dos principais hábitats de cría en Cíes, o cantíl de toxo (Cortello do porco, 45 territorios) e as dunas (Muxieiro, 39 territorios). O éxito reprodutor conxunto foi baixo (media ± desviación típica = 0,69 ± 0,87 polos a voar por territorio), algo superior na duna (0,74 ± 0,93) que no cantíl (0,64 ± 0,82).
  • En 2018 a incidencia do sindrome de parálise foi elevada, se cadra o episodio máis agudo dende 2011. Os datos recollidos apuntan cara un brote agudo da enfermidade nas colonias de Sálvora no mes de xuño.
  • A análise da mostra de egagrópilas (N= 117) indica que as patiamarelas adultas basaron a súa dieta en invertebrados mariños (frecuencia de aparición= 59,8%). Os tipos de alimento máis representados foron os invertebrados do intermareal (33,3%) e o patexo (Polybius henslowii) (26,5%). O lixo urbano estivo presente no 22,2% da mostra, e o alimento de hábitats terrestres no 12,0%. Os peixes apenas estiveron representados (5,1%). As principais diferenzas espaciais entre arquipélagos veñen dadas polas variacións na frecuencia de aparición de patexo, mexillón e lixo.

Gaivota de asa escura (L. fuscus)

  • En 2018 a poboación reprodutora de Larus fuscus no Parque foi estimada en 24 parellas, dúas por cima das estimadas en 2017.
  • Entre 2011 e 2018 a perda de poboación ten sido do 45,5%, equivalente ao -8,3% anual.
  • En Sálvora atopouse o cadavre dun adulto reprodutor con sinais de ter morto despois de sufrir parálise. Esta é a primeira evidencia de que esta doenza afecta á poboación de Larus fuscus do Parque

Gaivotón (L. marinus)

  • A estima da poboación reprodutora de gaivotón no ano 2018 é de dúas parellas unha na illa Vionta e máis a outra en Sálvora.

Pardela cincenta (C. diomedea)

  • Na colonia de Tropezas, o principal núcleo reprodutor da especie no Parque Nacional, ocupáronse 25 sitios e a poboación reprodutora foi estimada en 18 parellas. Estes valores son semellantes aos rexistrados o ano anterior.
  • Na última visita á colonia, o 23 de outubre, detectáronse 6 sitios ocupados por polos a piques de voar.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s