Actualización da poboación nidificante de gaivota escura (Larus fuscus graellsii Brehm, 1857) en Galiza

Barros, A., Lucas, A. 2016. Actualización da poboación nidificante de gaivota escura (Larus fuscus graellsii Brehm, 1857) en Galiza. Libro de Resumos do IX Congreso Galego de Ornitoloxía. Pontevedra, novembro 2016. Sociedade Galega de Ornitoloxía.


Actualízase a información referida ao tamaño da poboación reprodutora de gaivota escura en Galiza. Con este fin, durante os anos 2015 e 2016 censáronse as principais localidades de cría desta especie: as illas Sisargas (Malpica) e a illa de Sálvora (Ribeira). Adicionalmente foron revisadas tamén outras illas de menor importancia para a especie pero nas que se ten confirmado a súa reprodución, todas elas dentro do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galiza. A unidade de censo empregada foi o territorio aparentemente ocupado (TAO), considerándose como tales aqueles territorios ocupados cando menos por un adulto con actitude de defensa territorial clara. As datas de censo coincidiron co período de incubación e estiveron comprendidas entre o 20 de Maio e o 7 de Xuño. Adicionalmente, cando foi posible atendeuse á posible formación de parellas mixtas con gaivota patiamarela (Larus michahellis). Confirmouse a nidificación da especie nun total de 6 localidades da costa galega: nas tres illas do arquipélago das Sisargas (Sisarga Grande, Malante e Chica) e noutras tres illas incluidas no P.N. Illas Atlánticas: Sálvora, Vionta e Onza. O tamaño total da poboación reprodutora foi de 73 parellas, das calles 44 corresponderon ás illas Sisargas, 26 á illa de Sálvora, 2 á illa Vionta e 1 á illa de Onza. Non se atoparon parellas reprodutoras nas illas Cíes nin na illa de Ons. En canto á formación das parellas, de 20 parellas nas que se observaron ambos adultos na illa de Sálvora, en 19 casos ambos eran fuscus e nun único caso a parella era mixta fuscus/michaellis. No caso de Sisargas, das 11 parellas controladas todas eran fuscus/fuscus. Os resultados obtidos indican un descenso poboacional significativo nas dúas principais colonias de cría en Galiza. Así, con respecto a 2006 a poboación das illas Sisargas diminuiu un 55% e a da illa de Sálvora un 63%. Asumindo unha distancia entre censos de 10 anos (2006-2016), a poboación galega de gaivota escura diminuiu un 59,5%, presentando unha taxa anual de crecemento do -8,6 %. En base a esta información actualizada, recoméndase a revisión do estatus da especie en Galiza e a súa inclusión no Catálogo Galego de Especies Ameazadas na categoría de “Vulnerable”.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s