Censo das poboacións reproductoras de corvo mariño, gaivota patiamarela, gaivota escura e gaivotón, e seguimento remoto de corvos mariños no Parque Nacional Marítimo e Terrestre das illas Atlánticas de Galicia en 2019

Munilla, I. e Lapeña, F. 2019. Censo das poboacións reproductoras de corvo mariño, gaivota patiamarela, gaivota escura e gaivotón e seguimento remoto de corvos mariños no Parque Nacional Marítimo e Terrestre das illas Atlánticas de Galicia en 2019. Parque Nacional Marítimo e Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Outubro 2019.


RESUMO

Corvo mariño (P. aristotelis)

  • A poboación reprodutora de corvo mariño no Parque Nacional en 2019 estimouse en 962 parellas repartidas en oito colonias principais. Esta poboación representa o 68% do censo galego da especie.
  • O 64% da poboación amoreouse no arquipélago de Ons, o 31% no arquipélago de Cíes e o 7% restante en Sagres. A colonia máis numerosa é Ons Norte con 581 parellas, máis da metade das estimadas para o conxunto do Parque.
  • O número de parellas censadas supón un lixeiro ascenso (69 parellas, 7,6%) con respecto dos datos de 2018.
  • Compre destacar a pequena colonia localizada en Noro (arquipélago de Sálvora) xa que esta localidade fora abandonada hai anos trala entrada do visón americano.
  • A estima do éxito reprodutor no Parque Nacional en 2019 foi de (media ± desviación típica): 0,81 ± 1,10 polos por niño (N = 73 niños), con diferenzas marcadas entre os tres arquipélagos: Cíes = 0,64 ± 1,13 polos por niño; Ons = 0,86 ± 1,15; Sagres = 0,93 ± 1,05. Un ano máis Cíes é a colonia co menor suceso.

Gaivota patiamarela (L. michahellis)

  • A poboación reprodutora de gaivota de patas amarelas no Parque Nacional en 2019 estimouse en 9173 parellas repartidas en 11 colonias principais localizadas nos catro arquipélagos do Parque. As colonias desta especie ocupan a práctica totalidade da superficie insular do Parque libre de arboredo e distribúese por tódolos illotes do Parque con vexetación herbácea.
  • Perto da metade da poboación concéntrase no arquipélago de Sálvora (4284 parellas; 46,7%), un tercio (3134 parellas; 34,2%) nas illas Cíes e o 19% restante nas illas de Ons (1743 parellas). No arquipélago de Cortegada existe unha pequena colonia de 12 parellas no illote de Briñas.
  • En comparación cos datos de 2015, ano do último censo, perdéronse un total de 1622 parellas reprodutoras (-15,0%). O arquipélago co maior desplome foi Ons (-22,3%), seguido de Sálvora (-14,9%) e Cíes (-11,0%).
  • A comparación cos datos de 2006, o ano co maior rexistro da serie de censos, amosa unha perda de 21.275 parellas, o 70% da poboación reprodutora. A taxa de declive anual equivalente foi logo do -8,8%. Existen diferenzas acusadas entre os padróns de cambio poboacional rexistrados nos tres arquipélagos ao longo da serie de censos ao dispor (1976-2019).
  • O seguimento interanual do número de territorios aparentemente ocupados nos sectores de censo repartidos polas colonias do Parque indica unha diminución da poboación reprodutora de gaivota patiamarela do 7% en relación ás cifras de 2018. O cambio foi moi heteroxéneo espacialmente, con aumentos nos sectores de O Faro e Sálvora, e caídas mesmo fortes no resto.
  • O éxito reprodutor na parcela de seguimento da illa de O Faro (Cortello do Porco) foi baixo (media ± desviación típica = 0,56 ± 0,78 polos a voar por territorio), inferior ao estimado en 2018.

Gaivota de asa escura (L. fuscus)

  • En 2019 a poboación reprodutora de Larus fuscus no Parque foi estimada en 28 parellas, catro por cima das estimadas en 2018.
  • Entre 2011 e 2019 a perda de poboación ten sido do 36,0%, equivalente ao -5,3% anual.

Gaivotón (L. marinus)

  • A estima da poboación reprodutora de gaivotón no ano 2019 é de dúas parellas unha na illa Vionta e máis a outra en Sálvora. A parella de Sálvora quitou dous polos.

Seguimento remoto de corvo mariño con transmisores GPS/GSM

  • Este ano equipáronse dous corvos mariños con equipos de seguimento remoto GPS/GSM, os dous na illa do Faro, un na subcolonia da Furna do Inferno e outro na do Estripeiral. Dos dous exemplares equipados en 2018 un deles continua a dar sinal normalmente. En conxunto rexistráronse 9462 localizacións entre xaneiro e setembro de 2019.
  • O corvo de Sagres desenvolveu a súa actividade nunha área moi reducida (polígono mínimo convexo da área de campeo = 18,3 km2) comprendida entre as illas de Sagres, o illote de Noro e a zona de O Carreiro.
  • Os corvos de Cíes desprazáronse por áreas moito máis estensas, (polígono mínimo convexo da área de campeo = 539 km2 e 384 km2) e máis utilizaron con asiduidade tanto zonas do Parque noutros arquipélagos, fundamentalmente Sálvora, como zonas fóra do Parque (Castiñeiras, illa de Arousa, Ría de Aldán e Liméns).
  • Existiron considerables diferenzas entre individuos na estensión da área de campeo e no padrón de distribución no territorio do Parque. Dun lado o individuo de Sagres cunha área de campeo moi reducida e que limita a súa actividade dentro do Parque ao arquipélago de Sálvora. Doutro, os dous individuos de Cíes cunha área de campeo que se estende pola banda esterior das rías de Vigo, Pontevedra e Arousa e que, dentro do Parque, utilizan maiormente os arquipélagos de Cíes e Sálvora.

BRIEF SUMMARY
The outcomes of the 2019 census of breeding European shags suggest a slight increase in their numbers compared to recent years; however, the breeding success of all monitored populations was rather poor. The 2019 census of breeding yellow-legged gulls indicated that the population experienced a sharp decline since the mid 2000’s thus confirming earlier observations from monitoring sectors. Lesser black-backed gulls experienced a slight increase in the number of breeding pairs; currently, this population seems to be confined to the island of Sálvora. Two male shags from Cíes were successfully deployed with GPS/GSM transmitters in early May which together with the female shag deployed in June 2018 transmitted 10,000 GPS locations from January to September 2019. GPS data showed large variations among individual shags both in range size and distribution patterns and a large overlap between individual home ranges.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s