París Gómez, S., Mouriño Lourido, J., Rodríguez Silvar, X. 2016. O corvo mariño cristado Phalacrocorax aristotelis (Linnaeus, 1761) na provincia de Lugo: tendencia histórica, poboación actual e posible efecto da depredación por mamíferos exóticos invasores. Libro de Resumos do IX Congreso Galego de Ornitoloxía. Pontevedra, novembro 2016. Sociedade Galega de Ornitoloxía.
O corvo mariño cristado Phalacrocrax aristotelis é unha ave mariña de distribución paleártica occidental e hábitos eminentemente costeiros. Na fachada atlántica europea está presente a subespecie nominal, que segundo diversos autores semella estar a sufrir un declive das súas poboacións globais. Neste contexto, as poboacións cántabro-atlánticas da península ibérica amosan dende inicios do presente século unha tendencia acusadamente negativa, que implica a súa consideración como En Perigo de Extinción baixo criterios UICN e a súa inclusión como especie Vulnerable no Catálogo Galego de Especies Ameazadas. Durante o ano 2015 realizouse un censo completo da especie na provincia de Lugo, co obxectivo de actualizar o coñecemento do seu estado poboacional tras o último censo realizado no ano 2007. Durante os meses de abril e maio prospectáronse a pé ou dende embarcación 77 km de costa continental, illas e illotes da provincia, o que representa o 61% do total de costa acantilada da provincia. Os tramos acantilados non revisados correspóndense maioritariamente coa Mariña Oriental, con cantís moi baixos e pouco aptos para a nidificación da especie, sen presenza reprodutora coñecida historicamente. Paralelamente, recompiláronse e revisáronse os censos coñecidos dende a década de 1970, co obxecto de coñecer a tendencia poboacional do corvo mariño cristado no ámbito de estudo. O tamaño total da poboación reprodutora foi de 88 parellas repartidas en 9 localidades. Isto supón un incremento poboacional do 33% respecto ao censo de 2007, mentres que en relación cun censo inédito previo realizado en 2003 supón un declive do 20%. O 98% das parellas reprodutoras localízanse en áreas protexidas pola Rede Natura 2000. O principal núcleo reprodutor sitúase na illa de Ansarón, que con 40 parellas albergou o 45% da poboación provincial e presenta un acusado declive do 47% dende o ano 2003. Nesta localidade detéctase durante este período un significativo cambio na selección de hábitat de nidificación: mentres no 2003 o 51% (n=85) dos niños localizábanse accesibles, principalmente baixo bloques rochosos, en 2015 o 100% (n=40) atópanse en cantís e paredes verticais. Discútese sobre os censos históricos, a tendencia poboacional e as súas posibles causas, máis o posible efecto da presenza de mamíferos exóticos invasores sobre a selección do hábitat de nidificación, éxito reprodutor e tamaño da poboación na illa de Ansarón.